Os libros arden mal
RESUMO DO LIBRO. Edición galega.O río da vida e da morte. Unha moza lavandeira que le nas marcas da auga a historia da súa xente. Despois da auga que fecunda a memoria, axiña aparecerá un fogo destrutor, as labaradas do odio... Así comeza Os libros arden mal, a agardada novela de Manuel Rivas que se desenvolve nun período que vai do 1881 deica os nosos días, entre o falecemento de George Borrow e o dun vello anarquista galego chamado Polca. Esta obra, como moitos dos personaxes que a habitan, podería levar tatuada na pel aquel sobre aviso que Luís Vives transmitiu a Erasmo: “Non se pode falar nin calar sen perigo”.
VALORACIÓN: 8,9 puntos
COMENTARIO:
Imos ver. Entendo que este é un libro inmenso, tanto en páxinas coma a historia en si, chea de historias dentro un mundo coral fermosísimo.
Pode a veces resultar algo tedioso, longo, posto que os pensamentos poida que se repitan ás veces; ademáis cóstalle arrancar.
Pero é o mellor Rivas, o Rivas que colle as letras cos dedos e fai pan doce, o Rivas que recrea personaxes e situacións para min inesquecibles (os xitanos atacados na Ponte Pasaxe, a emigración en Cuba, a queima de libros na Dársena...) o que levo buscando dende O lápis do Carpinteiro.
e aquí o está.
Grande novela. Un clásico coma se di por ahi? home, non sei.... hai que ser comedido. De momento, vaia.

0 Comments:
Publicar un comentario
<< Inicio